Tras o convenio de colaboración asinado o pasado mes de novembro entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Sober, levaranse a cabo traballos de urbanización nunha área de 1.762 metros cadrados nos lugares de Lobios e Cima da Lama.
Concretamente, o proxecto renovará o espazo público que leva á igrexa de San Xiao mediante a recuperación do campo da festa, a creación de catro prazas de aparcamento, a instalación de mobiliario urbano e a habilitación dun paso de peóns sobre a estrada para conectalo coa capela. Ademais, na porta do adro da igrexa está previsto crear unha praza cun banco e iluminación.
Tamén se intervirá na contorna do cruceiro, onde se planea introducir unha nova pavimentación, instalar unha luminaria e un banco, e no emprazamento dos contedores de lixo para introducir un elemento de madeira que diminúa o impacto visual.
A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.