Licitadas as obras de mellora en 4 estradas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras de mellora do firme en catro estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de case 1,4 millóns de euros.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publicou a contratación destas actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 5 de abril.

Estas actuacións, que se prevén iniciar no verán, consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas AC-101, AC-546, AC-566 e AC-861, ao seu paso polos concellos de Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes.

De modo máis concreto, na estrada AC-101, actuarase entre os puntos quilométricos 1,3 e 29,6; na AC-546, entre o 0,06 e o 26,03; na AC-566, entre o 30,5 e o 41,5; e na AC-861, entre o 20,9 e o 24,8.

Os traballos inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento dalgunhas interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización.

Segundo o treito, levaranse a cabo traballos de fresado de 6 cm e a posterior reposición co mesmo espesor con aglomerado. Ademais, estenderase microaglomerado en frío para a mellora na adherencia nas curvas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha