A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sacou a licitación as obras de restauración de morteiros das zonas baixas da igrexa de Santa Rita de Xuvia, en Narón, cun investimento de 172.960 euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a contratación destas actuacións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de maio. Os traballos contan cun período de execución de tres meses.
A igrexa de Santa Rita de Xuvia, protexida polo seu valor cultural ao ser un ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio de Galicia, presenta na actualidade unha serie de problemas derivados do mal estado de conservación dos morteiros das partes baixas do interior da igrexa e nas torres, así como problemas de oxidación de certos elementos metálicos derivados da presenza de humidade e filtracións no interior do inmoble.
As obras incluídas neste contrato contemplan a renovación dos morteiros, aplicando un novo revoco de morteiro de cal deshumidificante e pintura de silicato, así como a limpeza e posterior pintado con esmalte fronte á corrosión dos elementos metálicos.