Licitadas as obras de urbanización da 1ª fase do Plan Director do CHUF


A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica este mércores a licitación deste contrato ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de outubro.

Está previsto iniciar estas obras no primeiro trimestre do vindeiro ano co obxectivo de dotar de acceso viario ao exterior da planta soto -2 proxectada na reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital como lavandería ou restauración.

A execución do acceso debe de ser compatible coa circulación actual, que se dirixe en ambos os sentidos ao longo da vía existente, non podendo modificar o ancho da sección tipo e mantendo as beirarrúas existentes, que serven de itinerario accesible.

Para isto, acometerase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña.

A nova vía de servizo, dada a cota de implantación do soto -2, suporá a modificación da cota de rasante actual da vía esquerda.

Os traballos consistirán en realizar un desmonte ao lado esquerdo para adaptar a rasante do viario de servizo, xerando un muro de contención para a vía principal que manterá a cota de rasante actual permitindo a circulación nas mesmas condicións que na actualidade.

Ademais será preciso repoñer servizos urbanos como o alumeado, a telefonía, o abastecemento, o saneamento, a liña eléctrica de media tensión e a condución de gas.