Licitadas as obras dunha senda peonil na AC-413 na Tablilla, en Cerceda

1 minutes read

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación desta actuación á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 9 de decembro.

O investimento destinado a esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, supera os 125.000 euros, ao incluírse o pagamento do único predio necesario para a súa execución.

Este luns día 8 realizouse o acto de levantamento de actas previas á ocupación do predio preciso para executar as obras, e está fixada para o vindeiro día 24 de xaneiro a formalización das actas e o pagamento dos depósitos previos.

A intervención conta cun prazo de execución de seis meses e será financiada con fondos europeos REACT-UE como parte da resposta á covid-19, dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Máis concretamente, executarase unha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terrizo natural e estará limitado da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante, acadando os 2 metros.

Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada.