Licitadas as obras para a execución dunha nova senda na AC-214, entre A Xira e Cambre


O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, anunciou a licitación por máis de 521.000 euros das obras de construción da nova senda na estrada autonómica AC-214 no treito entre A Xira e Cambre, no concello de Cambre. As empresas interesadas teñen ata o día 7 de febreiro para presentar as súas ofertas e o prazo de execución da obra é de 8 meses.

Executarase unha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+220 e 8+540, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.
A actuación consiste na execución dun itinerario peonil e ciclista na marxe esquerda da AC-214, adaptado na súa configuración ás edificacións existentes, e que posibilitará o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213. Deste modo, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta de Galicia, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214, e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no punto 8+540.

No seu percorrido o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos existen beirarrúas que serán reparadas, para o que se procederá ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a entorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.

Na Intervención proxéctase, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.

Esta actuación é susceptible de financiación a través dos fondos FEDER 14/20.