Licitadas obras en 3 estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de licitar as obras de mellora de firme en tres estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de case 1 millón de euros. A Plataforma Contratos Públicos de Galicia vén de publicar a contratación destas actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 18 de maio.

Estas actuacións, que se prevén iniciar no verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano, consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas de titularidade da Xunta AC-101, AC-110 e AC-566, ao seu paso polos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cerdido, Moeche e As Somozas.

Os traballos inclúen a mellora do firme mediante o fresado de 5 centímetros da capa de rodadura e posterior reposición mediante unha capa de mestura bituminosa do mesmo espesor. Nas zonas non urbanas das citadas estradas realizarase tamén a limpeza e reperfilado dos noiros e tamén se reporán as marcas das vías nas que se actúa e en todos os cebreados e marcas das 3 estradas.