O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, liderado polo Clúster TIC Galicia e a Universidade da Coruña (UDC), vén de publicar as bases da licitación das obras de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC cun orzamento de 4,3 millóns de euros.
As empresas aspirantes teñen 45 días naturais para presentar as súas propostas. Unha Comisión de Selección, integrada por representantes da Sociedade do Centro de Servizos Avanzados (CSA), que lideran o Clúster TIC Galicia e a UDC, será a encargada de resolver este proceso.
Para a adxudicación valoraranse distintos criterios, como o persoal adscrito, o informe de coñecemento do proxecto, acreditar ter realizado traballos similares previamente, a oferta económica ou o prazo de execución, aos que se lles atribúe unha ponderación específica. Así mesmo, nos pregos do concurso establécense distintas obrigacións en materia medioambiental, social, laboral e de transparencia, entre outras cuestións, que os candidatos deberán cumprir.
A previsión é que, unha vez adxudicado e formalizado o contrato, as obras de rehabilitación da nave 2 comecen en novembro deste ano, cun prazo de execución de 9 meses, de forma que en setembro de 2022 entre en funcionamento o Centro de Servizos Avanzados. En canto ás naves adicionais, a súa apertura prevese no segundo semestre de 2022, aínda que a data concreta confirmarase o 30 de outubro do presente ano.
