- Trátase dun tramo de estrada con numerosas vivendas e parcelas de uso agrario, que non conta con beirarrúas nin espazos para os peóns
O Concello de Vimianzo licita a través da Deputación e por case 500.000 euros o proxecto das sendas na DP-1603 ao seu paso por Tufións, na parroquia de Cereixo. Trátase dun tramo de estrada con numerosas vivendas e parcelas de uso agrario, que non conta con beirarrúas nin con ningún espazo que permita o paso peonil.
As obras irán enfocadas á construción de sendas peonís entre ambas marxes, actuando no firme da estrada e canalizando o alumeado e a instalación de pluviais. Con esta intervención o goberno local agarda que os veciños gocen de maior seguridade viaria, facilitándolles os desprazamentos sen necesidade de ocupar a calzada.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradeceu o apoio da Deputación da Coruña e agarda que a execución destas obras se formalice o antes posible.