Licitado o contrato de atención a visitantes á Praia das Catedrais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar o servizo de atención aos visitantes do Monumento Natural da Praia das Catedrais por un importe de case 230.000 euros para os vindeiros anos.

Tal e como se recolle no prego de licitación, ao que se poden presentar ofertas ata o vindeiro 11 de xaneiro, o período de execución deste servizo será entre a Semana Santa e o período estival (23 de xuño ao 30 de setembro), así como outros períodos de tempo nos que, sen estar limitado o acceso ao monumento natural, se prevé un aumento do número de visitas, como as pontes ou festivos tales como o 1 de maio, 12 de outubro (Día da Hispanidade), 1 de novembro, ou 6 de decembro, coincidindo coa Ponte da Constitución.

O servizo implica a contratación de persoal, para achegar información ás persoas visitantes sobre a normativa de uso público do monumento natural máis salientable: prohibición de ir por fóra dos camiños e sendeiros, miradoiros e áreas de descanso, recolección de especies de fauna e flora, tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, realizar escalada ou similares,… Así mesmo informarase dos importes das sancións e dos riscos que pode ter a visita.

Outro dos cometidos será a observación e seguimento do comportamento dos visitantes ao monumento natural, así como a realización de visitas guiadas polo monumento natural explicando os procesos xeolóxicos que motivaron a formación do monumento natural, a súa evolución, así como os hábitats e especies existentes no espazo natural e as súas presións e ameazas.

Estas tarefas realizaranse principalmente nos períodos de limitación de acceso, Semana Santa e meses de verán, así como nos períodos que fóra dos de limitación se prevé un incremento no número de visitantes.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha