Licitado o primeiro dos traballos para restaurar os hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora


Trátase da primeira das actuacións que se impulsan no marco do chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cunha vixencia prevista de 5 anos e que ten como fin acadar a restauración integrada dos hábitats insulares dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora.

En concreto, o contrato licitado inclúe accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de especies exóticas invasoras de flora. As actuacións que se van levar a cabo están planificadas ao longo do que queda de 2022 e durante todo 2023 e permitirán intervir sobre unha superficie total de 145,6 hectáreas.

Cómpre subliñar que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático. A tal fin, porase o foco de atención sobre 8 Zonas de Especial Conservación localizadas en 5 illas que son —ademais das tres galegas xa citadas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

O papel de coordinadora dos traballos recaerá sobre a Universidade de Santiago de Compostela, mentres que o Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, se encargará da execución técnica, tal e como se recolle no convenio asinado o pasado verán entre ambos organismos. Os outros socios que se beneficiarán do proxecto europeo son o Organismo Autónomo de Parques Nacionais e, pola parte irlandesa, o Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA.