Licitado o proxecto para acondicionar o núcleo de Montesalgueiro, en Aranga


A Xunta de Galicia vén de licitar o proxecto para a creación dunha zona de tránsito para peóns co obxectivo de mellorar o núcleo de Montesalgueiro, no Concello de Aranga. A obra disporá dun investimento total de máis de 123.000 euros que serán executados en dúas anualidades (2022-2023).

A través do convenio de colaboración asinado, acometerase unha actuación urbanística para crear beirarrúas e, nun senso máis amplo, facer máis accesible a zona de Montesalgueiro. A construción será financiada conxuntamente por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70% e do 30% por parte do Goberno local.

Os traballos comezarán co acondicionamento dun treito paralelo á estrada Nacional VI, unha área con naves e dous establecementos hostaleiros situados dentro do solo rústico de protección de infraestruturas.

Estas tarefas de reforma levaranse a cabo ao abeiro do plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.