Licitado o proxecto que renovará a rede de abastecemento na Avenida Méndez Núñez de Caión

O Concello da Laracha licitou a execución deste proxecto coa finalidade de mellorar o servizo na vila e minimizar as perdas de auga.

Esta intervención promóvese de acordo ao resultado da auditoría técnica da rede municipal realizada polo Concello recentemente, na que se conclúe que as canalizacións de fibrocemento son as que presentan un maior número de avarías e perdas de auga. A Avenida Méndez Núñez conta cunha canalización desas características que agora vai ser substituída por outra nova de polietileno de alta densidade nunha distancia de 130 metros. Ademais da renovación da tubaxe principal, realizaranse tamén as conexións coas redes existentes e as acometidas das vivendas afectadas.

O orzamento do proxecto alcanza os 48.662,28 euros e vai ser cofinanciado por Augas de Galicia ao abeiro do programa de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación menor a 20.000 habitantes, convocadas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU.

Con esta iniciativa, e tamén co proxecto dirixido a evitar as infiltracións na rede de saneamento que se vai executar na zona do Pino, preto da depuradora do Formigueiro, o Concello reafirma o seu compromiso cunha xestión eficiente dos servizos públicos do ciclo da auga, levando a cabo solucións técnicas que garantan a sustentabilidade ambiental e o benestar da cidadanía.

Related posts

O barrio carballés da Milagrosa xa ten todo listo para unha nova edición do «Re-nacemento do Chorón»

Trump ameaza con subir máis os aranceis aos países que non apoien o seu plan para Groenlandia

Un accidente entre dous coches na AP-9 deixou dous excarcerados en Abegondo