- O número de usuarios sitúase nestes momentos arredor das 250, máis do dobre que cando se licitou o contrato anterior
O Concello de Carballo ten en licitación o contrato do reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para os vindeiros catro anos (dous iniciais e dous prorrogables).Nestes momentos hai unha media de 250 usuarios, máis do dobre que cando se licitou o contrato anterior, o que implica un «importante incremento do orzamento», sinalan desde a Alcaldía. De feito, o investimento previsto para os vindeiros catro anos acada os 8.380.504,05 euros.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 8 de febreiro para presentar as súas ofertas. O prezo inicial da hora de prestación do servizo fíxase, no caso de SAF-Dependencia, en 24,99 euros para os días laborables e en 27,86 euros para domingos e festivos. Para SAF-Básico, SAF-Sociofamiliar e SAS (Servizo de Apoio Sociosanitario), o prezo será de 24,99 euros, sempre en días laborables.
O obxectivo do servizo que se vai contratar é cubrir fins de semana, festivos, permisos e as horas ordinarias nas que resulta insuficiente o equipo de persoal propio, integrado por 13 persoas. A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas cotiás, así como apoiar aos seus familiares.
O Concello de Carballo prestou o ano pasado un total de 75.298,65 horas de SAF, o 88% para atender a 227 persoas dependentes. O resto repartiuse entre 88 usuarios de libre concorrencia e 66 do servizo extraordinario derivado das novas necesidades que supuxo a COVID-19.