Licitado un plan de roza das estradas provinciais coruñesas

1 minutes read

O plan, a catro anos vista, contempla un orzamento anual de algo máis de dous millóns de euros para limpar varias veces ao ano de herbas e maleza as marxes dos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. Un investimento que se suma aos 7,9 millóns que o departamento provincial de Vías e Obras da Deputación da Coruña destinará en 2021 ao Plan de Conservación para manter as mellores condicións de seguridade nos viais provinciais.

O deputado responsable da área, José Manuel Pequeño, explicou que o obxecto deste plan de rozas é «axilizar este servizo no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas varias veces ao ano, para mellorar a visibilidade da circulación, evitar a propagación de incendios e facilitar a drenaxe de augas pluviais».

Os desbroces serán mecánicos, efectuados cun brazo segador articulado montado sobre un tractor ou camión multiusos. Desenvolveranse en varias fases, incluíndo cando menos unha roza completa dos 2.100 quilómetros de estradas provinciais e mantementos posteriores por zonas para evitar a acumulación de maleza.

Este contrato contempla tamén a limpeza das sinais verticais, eliminando a suciedade, pintadas ou calquera outro desperfecto que poida limitar a visibilidade ou a legibilidade do elemento sinalizador.