Cunha vixencia de 33 meses, este contrato autonómico enmárcase nos traballos que se están a desenvolver no marco do LIFE Insular, un proxecto transnacional cofinanciado con fondos europeos no que participan España e Irlanda e que ten como fin acadar a restauración integrada de hábitats insulares do Océano Atlántico.
Para lograr estes obxectivos, a iniciativa prevé executar sobre o terreo unha serie de actuacións centradas nos tipos de hábitats insulares 2130 e 4030, correspondentes ás dunas costeiras con vexetación herbácea e aos queirogais secos europeos (brezais).
A licitación que se acaba de publicar correspóndese con este tipo de traballos in situ e permitirá darlle continuidade aos labores acometidos xa no último ano e medio nos tres arquipélagos galegos sobre a flora terrestre exótica invasora (acacias, margarida africana, etc.) e que inciden de forma moi beneficiosa no estado de conservación dos hábitats antes mencionados.
En concreto, o servizo inclúe a realización de accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de flora invasora.
A empresa que se faga cargo do servizo, cuxa duración se estenderá desde a sinatura do contrato ata novembro do ano 2026, deberá dispoñer para a realización dos traballos programados dun mínimo de seis peóns especialistas e un responsable técnico ao fronte do equipo de campo.
Cómpre lembrar que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.
Neste sentido, búscase minimizar a medio e longo prazo o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación —risco de vendavais, erosión eólica catastrófica…— e buscarase tamén unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de reverter a situación á que había 70 anos atrás.
En concreto, ponse o foco de atención sobre oito Zonas de Especial Conservación (ZEC) localizadas en cinco illas que son —ademais das tres galegas xa citadas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.