Trátase dunha medida recollida no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico aprobado polo Goberno galego para favorecer a reactivación destas industrias tras a crise sanitaria e que recolle máis de 2,2 millóns de euros en diferentes accións para o impulso do sector do libro e as bibliotecas.
Así, segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) poderán optar a estas axudas os titulares de librarías que desenvolvan a súa actividade en Galicia. En concreto, as achegas irán destinadas a actividades como presentacións, encontros, lecturas ou actividades similares levadas a cabo no espazo físico do establecemento libreiro, así como actos de difusión dos libros e a lectura realizados a través da páxina web e redes sociais da libraría ou accións de difusión en prensa, radio, internet ou a través doutros medios. Estas actividades deberán realizarse desde a resolución desta orde ata o 30 de novembro de 2020.
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes de xeito telemático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde. Entre os documentos que deberán presentar inclúese unha memoria detallada das actividades de difusión que se van levar a cabo ben na libraría ou a través das redes sociais e outros soportes. No caso das actividades presenciais valorarase especialmente aquelas propostas que celebren alomenos cinco actividades, os actos que formen parte dun ciclo, aqueles que conten coa presenza dun autor, un escritor, ilustrador ou traductor ou aquelas accións que fomenten a inclusión e a diversidade.