Máis de un millón de euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina aos entes de xestión turística a través dunha liña de axudas coa que quere contribuír á adaptación dun sector especialmente afectado pola crise da COVID19. Para o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, a colaboración entre as administracións e o sector privado é clave para superar a crise provocada pola pandemia.
«Os próximos meses van ser duros e tamén decisivos para o futuro dun sector que terá que adaptarse ás exixencias sanitarias e que precisará o apoio das administracións con medidas extraordinarias porque é clave na empregabilidade e no desenvolvemento económico do país», sinala Xosé Regueira que apunta tamén a necesidade de afortalar as novas vías que abre a actual situación que apostan por un turismo de proximidade e sustentábel.