- A capital de Bergantiños forma parte dunha iniciativa denominada “Itinerarios artísticos en Pays Portes de Gascogne” xunto a outras localidades da zona
L’Isle Jourdain é un dos seis concellos da Gascuña francesa que participan no proxecto “Itinerarios artísticos en Pays Portes de Gascogne”, unha iniciativa na que están implicadas diferentes administracións e que culminará coa creación dunha ruta de arte urbana que unirá as localidades de Beaupuy, Castillon-Savès, Clermont Savès, Pujaudran, Ségoufielle e L’Isle Jourdain.
“A iniciativa de Carballo foi un trampolín”, asegura Marie Delpeyroux, presidenta do comité de irmandamento, xa que os intercambios culturais promovidos pola Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain permitíronlles descubrir a arte urbana do concello carballés e mesmo participar na elaboración dun mural conmemorativo na rúa Vila de Noia.
Este primeiro proxecto, que rematará no mes de setembro, consiste nunha serie de residencias artísticas cun formato similar ao festival Rexenera Fest de Carballo, de varios días de duración e ao longo das cales se fomenta a interacción entre artistas e público.
Dende a asociación cultural Portes de Gascogne, promotora do proxecto, enténdense a cultura como un vector de desenvolvemento turístico e económico. Ao mesmo tempo, esta experiencia trata de promover unha mobilidade alternativa, e neste sentido destaca a posta en marcha dun servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en L’Isle Jourdain para poder desprazarse dunha vila a outra.