A escritora Llerena Perozo clausurou ‘Baiolendo’ no IES Maximino Romero de Lema de Baio

O Club de Lectura de Adultos Baiolendo reuniuse este luns por última vez nesta tempada para comentar o libro Os anos tranquilos de Llerena Perozo Porteiro (Vigo 1.974).
Nun encontro moi apracible coa autora, esta respondeu as preguntas dos presentes e foi enriquecendo as reflexións que ían facendo con moita información de interese. Detivéronse especialmente na protagonista María García, unha muller excepcional, procedente dunha contorna moi humilde, que, apoiada na súa sorprendente capacidade para aprender —coa lectura como ferramenta clave—, consegue abrirse camiño ata converterse nunha dama distinguida, integrada nun círculo culto e acomodado. Unha muller que non dubida en tomar a xustiza pola man para liberar da dor e da opresión a mulleres do seu círculo de familiares e amizades.
Comentou a autora que esta personaxe provocoulle momentos frustrantes, porque ela pensaba nunha serie de desgrazas e atrancos, pero, cando se poñía a escribir, ela saía de todos.
Tamén saíron a colación outros temas destacados, como o da emigración, a Revolución cubana ou o espertar cultural e político de Galicia dos anos 90, vivido este último pola escritora na súa etapa universitaria. Todo foi abordado desde unha ollada feminista, que impregna a obra na súa totalidade e define con claridade a voz propia de Llerena Perozo.
É unha narración que atrapa desde as primeiras páxinas e propicia unha lectura áxil, mesmo vertixinosa. Un verdadeiro canto de amor aos libros e á cultura en xeral. Un remate excelente para o club de lectura do IES, que continuará o vindeiro curso con novas experiencias da man de figuras destacadas no panorama literario galego como Ledicia Costas, Fernando Castro Paredes, María Reimóndez ou Abril Camino.

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte