Localizado en Dumbría un transportista co tacógrafo manipulado

Garda Civil. Arquivo.

Segundo a Garda Civil “os feitos ocorreron no quilómetro 84 da estrada AC-552, no termo municipal de Dumbría, cando unha patrulla de motoristas do Destacamento de Corcubión, tras unha inspección de transportes, observou que o citado condutor levaba inserida a tarxeta doutro profesional coa intención de alterar os rexistros do tacógrafo e poder circular máis horas sen respectar os tempos de condución e descanso regulamentarios”.

Tras as xestións realizadas para esclarecer os feitos, e a análise dos datos de condución e descanso de ambos os condutores, ao propietario da tarxeta utilizada de forma fraudulenta para manipular os rexistros, tamén se lle investiga como cooperador necesario no suposto delito de falsidade documental, xa que entre ambos existía unha relación familiar, e a tarxeta foi entregada supostamente de forma voluntaria para poder xerar datos falsos e poder alongar así os tempos de condución minorando os descansos.