Un home resultou ferido tras sufrir un accidente cun quad nunha pista próxima a unha zona de monte na parroquia de Corcoesto, no concello de Cabana de Bergantiños.
O sinistro ocorreu preto das 18:30 horas deste sábado. A esa hora, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa que solicitaba axuda para o condutor dun quad que sufrira un accidente na estrada que une as localidades da Capela e Bello. Debido ás condicións do terreo, indicaba que os servizos de emerxencia podían atopar certa dificultade para acceder ao ferido.
Nada máis ter constancia do suceso, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puideron acceder á localización do accidente grazas ao uso do sistema avanzado para a localización móbil (AML). A persoa estaba consciente, pero cunha forte dor nas costas e nas costelas. Deste xeito, solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Bergantiños e dos membros do GES de Ponteceso.
Unha vez no lugar e por mor das lesións provocadas a causa do sinistro, o persoal sanitario constatou que era necesaria a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para evacuar o paciente. De feito, tomou terra no lugar do accidente poucos minutos despois e trasladouno ao CHUS.
Ademais, para prestar apoio e respaldo ao equipo médico, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil.
