Localizan a un veciño de Carballo tras atropelar a unha persoa e darse á fuga


Un veciño de Carballo de mediana idade foi localizado na madrugada deste luns logo de, presuntamente, atropelar a un viandante e darse á fuga sen prestarlle auxilio. Os feitos ocorreron na estrada DP-1902 que une Carballo con Razo, á altura da ponte sobre a autoestrada AG-55, en Oza. O turismo que lle precedía observou a manobra e informou as forzas da orde, quen cos datos recibidos localizaron ao presunto autor do atropelo no centro de Carballo, e que unha vez identificado deu positivo en consumo de alcol e drogas. A Garda Civil de Tráfico desprazada ao lugar dos feitos instruíu as correspondentes dilixencias. Ao momento tamén se desprazou unha ambulancia do 061 para atender ao ferido. Veciños do lugar de Oza afirman que ultimamente notaron un incremento da inseguridade viaria nesta estrada, debido en parte á alta velocidade á que circulan os vehículos nun tramo practicamente sen beiravía e limitado a 50 Km/h.