Localizan nun restaurante de Tabeirós troitas procedentes da pesca deportiva recreativa

Axentes medioambientais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interceptaron especies piscícolas continentais procedentes da pesca deportiva recreativa, cuxa venda está prohibida.

Grazas a unha inspección feita nun restaurante da comarca de Tabeirós os axentes do Distrito XVI detectaron exemplares de troita común (Salmo trutta) e o propietario denunciado exponse a unha infracción tipificada como moi grave, na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, cuxas sancións oscilan entre os 25.000 e os 150.000 euros.

Os efectivos medioambientais identificáronse ante o dono do establecemento, ao que se lle informou do motivo da inspección e se lle indicou que se procedía á revisión das neveras e conxeladores.

Nun dos refrixeradores, no compartimento de conxelador, apareceron catro troitas, das cales tres delas non cumprían coas dimensións mínimas xerais de captura (19 cm).

Os axentes medioambientais procederon ao comiso dos exemplares, ao levantamento dunha acta de inspección e tamén redactaron o correspondente oficio de denuncia deixándolle copias ao dono do restaurante.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha