Un pescador localizou o achado no río Barcés, nunha zona de difícil acceso. O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba, ás 11:00 horas da mañá deste domingo ao 112 Galicia, que unha ambulancia co seu equipo médico se desprazaba, neses intres, cara o lugar, posto que, se localizara o corpo dunha persoa, posiblemente falecida no río.
De contado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil, que unha vez no punto, confirmaron o cadáver da persoa nunha zona de difícil acceso, polo que, solicitaron medios para o rescate da persoa.
Con todo, os Bombeiros de Ordes desprazáronse axiña ata o punto, así como os efectivos de Protección Civil da localidade. Ademais, ao tratarse dun lugar limítrofe entre os concellos de Carral e Cerceda, tamén foron informados os Bombeiros de Arteixo.
Os servizos de emerxencias e os corpos de seguridade tratan de esclarecer as causas da morte do desafortunado home, un veciño de Carballo de 40 anos sobre o que constaba denuncia pola súa desaparición o pasado mes de novembro. O corpo foi trasladado ao CHUAC para facerlle a autopsia.