Os servizos de emerxencia atoparon no río Limia o coche de Ramón Carrera, o ancián de 90 anos desaparecido en Porqueira o venres pasado. O nivel do río descendeu nos últimos días e iso axudou a que puideran encontrar o coche a uns tres metros de profundidade. O home estaba no interior do vehículo e todo apunta a que perdeu a vida nun accidente acontecido na ponte da Rúa, a apenas trescentos metros río arriba de onde o atoparon. En Porqueira todos andaban na súa procura, os veciños e os servizos de emerxencia percorreron os camiños, buscárono dende o ceo, e vadearon o río. Este domingo, a busca rematou cun final amargo. O ano pasado houbo outro accidente mortal nesta ponte que une os concellos de Rairiz de Veiga e Porqueira. Polo que teñen previsto reclamarlle o seu arranxo urxente a confederación Hidrográfica.
0