Un veciño próximo ao lugar de Lamasapín en Mazaricos localizou sobre as 12 da mañá deste xoves un vehículo accidentado nun terraplén paralelo á estrada AC-400, a uns tres quilómetros de Pino do Val, dirección Santa Comba.
Este veciño da zona ao achegarse ao turismo puido comprobar como no lugar había un corpo inmóbil dunha persoa, polo que deu a voz de alarma. O 112 Emerxencias Galicia activou un operativo de aviso ás 12:13 da mañá, enviando ao lugar a profesionais de diferentes departamentos para tratar de esclarecer o ocorrido.
Confirmouse que o falecido é un veciño do lugar de San Cosme de Antes, Mazaricos, de 41 anos. Todo indica que puido producirse un accidente de madrugada ou mesmo con horas de antelación á súa localización, dado que esta persoa non se incorporara ao seu traballo habitual nunha empresa cárnica local.
En calquera caso a investigación aberta esclarecerá a hora e causas do sinistro, así como do falecemento desta persoa, confirmado polo equipo médico desprazado ao lugar do accidente co fin de que fosen activados os servizos forenses. Ademais, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos membros do GES de Muros e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Tamén foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico.