Localizan un indicio de intencionalidade nun conato de incendio preto de Santiago

1 minutes read

Axentes ambientais da Xunta, adscritos á Consellería do Medio Rural, localizaron indicios de intencionalidade nun pequeno conato de incendio forestal rexistrado en días pasados no distrito forestal III (Santiago-Meseta Interior). En concreto, os profesionais acharon unha pastilla de acendido cando estaban refrescando a zona onde se produciu un pequeno conato, o que indica unha clara intencionalidade.

Agora, os especialistas da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) están a realizar as pescudas oportunas para tratar de identificar a persoa responsable. A localización deste indicio súmase aos achados recentemente nos distritos forestais XVIII (Vigo-Baixo Miño) e no distrito XIX (Caldas-O Salnés). No primeiro caso, os axentes da UIFO localizaron unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado e, no segundo, foron papeis de xornais amoreados, colocados no punto de orixe do lume, que descubriron tamén os directores de extinción do lume.