- A Rede decidiu outorgar tamén un premio honorífico a París polo seu liderado mundial na transformación das grandes cidades en espazos máis sostibles
París, Logroño e Soria son os municipios galardoados co Premio Cidades que Camiñan 2021, que recoñece os avances na transformación urbana cara a modos de convivencia máis sostibles, especialmente os relacionados co espazo público e a mobilidade das persoas. No caso do primeiro municipio, a decisión chegou tras a deliberación da Rede de Cidades que Camiñan. Trátase dun galardón honorífico outorgado pola «enorme visibilidade internacional que consegue no camiño de transformar o espazo público das grandes cidades», sinalan desde o Concello de Carballo.
O premio honorífico foi comunicado á Alcaldía de París, que respondeu mostrando o seu orgullo e gratitude polo recoñecemento. Os premios a Logroño e Soria entregáronse este venres no Pazo da Cultura carballés no marco do 8º Congreso da Rede e coa participación de máis de cen persoas chegadas dende unha trintena de municipios de toda España e México.
O xurado deste ano estivo composto polo arquitecto Pedro Torrijos, a enxeñeira Paula Teles e o xeógrafo Màrius Navazo. Logroño participou na categoría de municipios con máis de 100.000 habitantes e o xurado alegou que o premio recaía no mesmo polo «gran número de actuacións executadas que melloran a camiñabilidade na cidade, desde a peonalización de rúas, ao acougado do tráfico, as melloras de pasos peonís ou o ensanche de beirarrúas en puntos cruciais como as pontes». Tamén se fixo fincapé, entre outros temas, no valor transformador dalgunhas actuacións tácticas realizadas, así como a planificación integrada co resto de modos de transporte, especialmente a bicicleta.
Soria, pola súa banda, participou dentro da categoría de municipios medianos (de 20.000 a 100.000 habitantes). O xurado valorou moi positivamente a «globalidade da proposta, que non só se centra na peonalización de áreas centrais, senón que tamén ten previsto incidir sobre a reconversión das súas tres travesías (gañando espazo para as beirarrúas, o verde urbano e as bicicletas)».
Á convocatoria deste ano presentáronse 10 candidaturas, aínda que unha delas retirouse antes do fallo. O premio para municipios de menos de 20.000 habitantes quedou deserto ao non presentarse ningunha candidatura.
O Premio Honorífico non se outorga cada ano, senón cando existe algún motivo especial. Anteriormente só se outorgou un, ao municipio de Bilbao, polos seus avances en camiñabilidade e pouco antes de converterse na primeira cidade maior de 300.000 habitantes (nunha área de 1.000.000) en establecer a velocidade máxima de 30 km/ h en todas as súas rúas.