A Comisión Europea propuxo este venres novas medidas para garantir o fluxo de medicamentos desde o Reino Unido a Irlanda do Norte, á vez que establece condicións para evitar a entrada dos que non estean aprobados pola Unión Europea ao bloque. Pero a pesar de que esta batalla está pechada, os problemas séguense acumulando para ambas as partes.
David Frost, negociador xefe dos británicos para o Brexit, asegura que non cre «que as negociacións estean aínda preto de ofrecer resultados que poidan resolver realmente os problemas que presenta o Protocolo». Sobre a mesa, as friccións sobre o comercio ou o papel do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
O Reino Unido quere unha entidade independente para resolver os conflitos. Pero para os 27, o acceso ao Mercado Único implica que os asuntos deben ser tratados a través deste órgano. E esa é a súa liña vermella, como indica Maros Sefcovic, vicepresidente da Comisión Europea: «Non hai ningún tribunal do Reino Unido que poida ofrecer a mesma protección aos cidadáns norirlandeses mentres fan os seus negocios na UE. E non podo prever ningunha solución de como podemos ter todas esas maiores oportunidades vinculadas ao mercado único sen o Tribunal de Xustiza da Unión Europea».
A pesar de pertencer ao Reino Unido, Irlanda do Norte segue formando parte do mercado único como forma de evitar un conflito que podería romper o Acordo de Paz do Venres Santo.
Había que evitar unha fronteira entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte, así que a división trasladouse ao mar que separa ambas as illas. E os problemas que a burocracia adicional causou ás empresas foron motivo de conflito desde entón.