O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse co alcalde de Fisterra, Luis Insua, para abordar cuestións vencelladas con estas áreas que resultan de especial relevancia para o concello. En concreto, afondaron en fórmulas de colaboración posibles para intervir na capela Nosa Señora do Bo Suceso, para a que xa hai proxecto de actuación con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para levar a cabo obras de restauración deste ben, de titularidade do Arcebispado de Santiago de Compostela.
Precisamente, o representante de Cultura do Goberno galego tirou proveito deste encontro co rexedor de Fisterra para analizar as modificacións que se realizaron na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que están a permitir reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais.
