López Campos aborda co alcalde de Fisterra colaboracións en programación cultural

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse este venres co alcalde de Fisterra, Luis Insua, para abordar cuestións vencelladas con estas áreas que resultan de especial relevancia para o concello. En concreto, afondaron en colaboracións en materia de programación cultural de cara ao verán e tamén para ir adiantando e preparando a do Xacobeo 2027, tendo en conta o vencello estreito deste municipio da Costa da Morte co Camiño de Santiago.

Ademais, o representante de Cultura do Goberno galego tirou proveito deste encontro co rexedor de Fisterra para analizar as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que, na actualidade,  a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.