A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitaron as dependencias da Asociación Íntegro desta localidade onde funciona, co apoio da Xunta, un Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional (PIMD Rural) que na actualidade conta con máis de 40 beneficiarias.
A Consellería de Emprego e Igualdade colabora coa Asociación Íntegro apoiando o funcionamento do Punto de Intervención á Muller con Discapacidade no Rural desde a súa creación no ano 2016. Neste tempo, a Xunta destinou ao mesmo case 181.000 euros, co obxectivo de promover medidas específicas de loita contra a discriminación e desigualdade de oportunidades que sofre este colectivo; ademais de desenvolver actividades para facilitar o fortalecemento das mulleres do rural, contribuíndo á súa autonomía persoal e independencia.
“Se hai un colectivo que se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade son as mulleres con discapacidade que viven no medio rural, que sofren unha dobre ou mesmo tripla discriminación: por razón de xénero, de discapacidade e de falta de acceso a recursos e servizos minoritarios no medio rural”, resaltou a conselleira.
O Punto de Intervención ofrece información sobre programas e accións específicas das que se poden beneficiar estas mulleres, prestando apoio, por exemplo, en cuestións como a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas así como competencias para a mellora do perfil profesional. Tamén ofrecen asesoramento para incentivar a súa participación na vida en sociedade, atención psicolóxica e mediación familiar, sen esquecer as actividades de prevención da violencia de xénero.
Na actualidade máis de 40 veciñas de Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Laxe e Malpica participan no programa.
O PIMP de Cabana de Bergantiños, que da servizo aos concellos veciños, conta cunha psicóloga, unha terapeuta ocupacional, unha traballadora social e unha monitora de talleres. Basea a súa actuación na cooperación entre entidades e os concellos, na mellora das actuacións previstas nos plans de igualdade municipais e no reforzo da loita contra a discriminación e a desigualdade de oportunidades que sufre o colectivo da muller con discapacidade.