Lorenzana reclama o apoio da oposición para conseguir grandes proxectos para Galicia

2 minutes read

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento no que resta de lexislatura, entre as que avanzou a posta en marcha dun Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais. 

Segundo explicou, este plan forma parte da nova Estratexia de Política Industrial de Galicia que contempla, ademais, a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e de plans directores para os diferentes sectores. O obxectivo, dixo, é facer de Galicia un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación. 

Lorenzana defendeu unha política industrial atractiva, segura e competitiva, vinculada co fomento da enerxía renovable. Ao respecto, subliñou que, en virtude do plan de aceleración de proxectos, estenderase a figura dos Proxectos Industriais Estratéxicos a iniciativas de menor tamaño, concretamente a partir de 2 millóns de euros e 25 empregos, e darase publicidade ao estado de tramitación.

No marco desta nova estratexia de política industrial, adiantou que o mapa que se vai facer incluirá a información sobre a implantación actual dos distintos sectores en Galicia, co fin de fomentar as sinerxías entre as distintas actividades industriais. Ademais, contemplará información xeral sobre as infraestruturas esenciais e necesarias para a implantación dos proxectos.

En relación aos plans directores por sectores, a conselleira explicou que teñen como fin potenciar a actividade industrial e o emprego no sector concreto que corresponda. Definiranse os obxectivos que se pretenden conseguir dentro dun ámbito temporal e determinaranse os mecanismos e os medios para a súa consecución. Neste contexto, no relativo ás medidas de financiamento para dotar de liquidez as empresas, anunciou unha nova liña de subsidiación de xuros para incentivar os procesos de reestruturación das débedas financeiras ao que se poderán acoller as empresas da cadea mar-industria.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?