Lousame acolle a mostra ‘Retrospectiva’, con 14 óleos de Víctor Lens


A exposición, que recolle a traxectoria deste pintor abstracto coruñés, pode visitarse de balde ata o vindeiro 21 de abril.

A Casa da Cultura do Concello de Lousame acolle a exposición pictórica ‘Retrospectiva’, que mostra 14 óleos do artista Víctor Lens (A Coruña, 1945) e que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 21 de abril. Na inauguración, presidida pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, o público asistente desfrutou dunha proxección audiovisual de dúas horas de duración sobre as 106 obras que forman a traxectoria pictórica do autor, desde o ano 1973 ata a actualidade.

“Hai que quitarlle ao público o medo á arte abstracta”, asegura este pintor autodidacta e mestre xubilado. Os 14 óleos que protagonizan esta exhibición lousamiá datan dos últimos catro anos, entre 2019 e 2022. “Quero que os espectadores sexan partícipes das obras, que están fundamentadas en cuestións filosóficas do postestructuralismo”, afirma este artista, afincado en Oleiros.

Lens explica que o proceso de construción das súas obras require de moito tempo xa que tarda dous meses en pensar o cadro, facer o bosquexo e pintalo. “A multiplicidade de pensamentos que provoca unha obra abstracta é moi superior ó resto das obras. Isto, na literatura, tamén se atopa nas obras de Umberto Eco. Eu tento dar facilidades para que o público poida interpretar as obras”, sinala Lens, que non se enmarca dentro de ningún estilo artístico que non sexa a súa propia expresión persoal.