Lousame acollerá unha exposición de pintura do veciño Juan Carlos Lorenzo


A sala municipal de exposicións de Lousame acollerá este xoves 22 de setembro, ás 19:30 horas, a inauguración de “Sempre con Lousame”, unha mostra de pintura de Juan Carlos Lorenzo Jamardo, veciño da parroquia de Tállara. Unha exposición de 30 óleos que poderá visitarse na Casa da Cultura lousamiá ata o vindeiro 30 de outubro.

Esta será a segunda exposición de Juan Carlos Lorenzo en Lousame, despois do seu exitoso debut en febreiro de 2019 cunha mostra sen nome pero dunha temática moi semellante ao da actual exposición. Así, “Sempre con Lousame” recompila un total de 30 óleos, 26 deles de paisaxes de Lousame. Lorenzo Jamardo sinala: “gústame pintar o que vexo e me inspire. Vou por calquera currunchiño, sácolle unha foto e a levo para facelo tranquiliño na casa. Non son moito de ir fora e pintar, eu necesito a miña intimidade para pintar”.

Juan Carlos Lorenzo, veciño de Tállara, é integrante do grupo folclórico O Son do Pote. Pintor autodidacta, cando se xubilou empezou a experimentar na pintura e a recibir clases para perfeccionar a súa técnica. Admirador de Van Gogh, a súa obra ten unha liña profundamente realista e está chea de paisaxes e paraxes de Lousame. O seu gusto pola pintura vénlle de neno, cando empezou a facer debuxos en carboncillo. Unha afección que recuperou cando se xubilou no ano 2014, tras moitos anos no mar.