O pleno de Lousame aprobou na noite do xoves, en sesión extraordinaria, os Orzamentos Municipais para 2023, que se presentan equilibradas e suman 3.592.521,72 euros, un 13,68% máis que 2022 (3.160.238,71 euros). Unhas contas que foron aprobadas cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata dun “orzamento realista, cun esforzo moi importante en Servizos Sociais, que representa o 48% do gasto corrente de 2023, e en cultura e deporte, que representa o 15%”. Así mesmo, destacou a partida de investimentos reais, onde se contemplan 854.689 euros (un 52,77% máis co exercicio anterior) pero indicou que estas cifras xa están obsoletas porque “nas últimas semanas recibimos a confirmación doutros investimentos, que non están incluídos neste documento e que incrementan a inversión en 2,1 millóns de euros máis”.
Investimentos reais
O capítulo 6 do Orzamento de gastos ten consignados investimentos por un importe de 892.205,16 euros, dos que 385.442,07 euros se destinan a proxectos de pavimentación de camiños e accesos a aldeas. Así, no 2023 pavimentaranse os camiños de Carantoña a Abeixón (87.065,6 euros), de Aldarís ao cruce de Burzó (134.320,7 euros) e da estrada DP-4201 á Igrexa de Lousame (30.000 euros). Así mesmo, pavimentaranse os accesos ao núcleo de Guiende (40.145,22 euros), a Fontefría e Riba da Bica (57.528,62 euros) e Vilar (36.381,93 euros). A maiores, destinaranse 101.577,48 euros á mellora do viario de Cruído.
O anexo de investimentos para 2023 contempla tamén 250.107,93 euros para a redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia nos alumeados públicos, proxecto cofinanciado co IDAE. Así mesmo, inclúense 12.000 euros para adquisición de terreos para a depuradora de Berrimes e 18.504 euros para traballos de saneamento en Cerquides. O Concello de Lousame tamén investirá 86.389,58 euros a mellora das instalacións térmicas na Casa da Cultura, para a que tamén se contempla a adquisición dun novo proxector así como mobiliario e material informático para as oficinas xerais. Finalmente, contémplase unha partida de 29.999,99 euros para un proxecto de sinalización turística.