Lousame celebra a undécima sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte a Violencia de Xénero

1 minutes read

A mesa foi presidida pola concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo. Unha reunión na que participaron Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Ana María Lema Rama, do posto da Garda Civil de Noia (equipo VIOXEN); Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Ángela Mª Costa Santos, enfermeira Centro de Saúde de Lousame; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.

Durante case dúas horas de reunión, todas as persoas integrantes da Mesa tomaron a palabra para informar e compartir experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para dar conta das actuacións que está a desenvolver o Concello de Lousame en materia de igualdade así como para adiantar algunhas das actividades programadas para as vindeiras semanas co gallo da conmemoración do 25 de Novembro.

“Durante os meses de setembro e outubro realizáronse os 3 obradoiros formativos dirixidos a mulleres do programa de mellora da empregabilidade XERACIÓN 20=22, de busca de emprego, de informática e de comercio electrónico e marketing dixital, a través dos cales se formou a 11 mulleres”, apuntou Silvia Agrafojo. Un programa levado a cabo coa colaboración da FEMP, que lle concedeu ao Concello de Lousame unha das 10 axudas que convoca a nivel nacional.