Lousame celebrará o 15 de maio a XX Festa do Galego


Lousame prepárase para celebrar por todo o alto a XX Festa do Galego, que terá lugar o domingo 15 de maio na praza Teodomiro Hidalgo, en horario de 11:00 a 20:30 horas. “É a principal novidade: se o tempo o permite levaremos esta romaría das letras á praza do Concello porque pensamos que despois de dous anos de restricións hai gañas de celebralo ao aire libre e coa maior cantidade de xente posible”, explicaba Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura, durante a presentación da programación realizada esta mañá na casa da Cultura. Un acto no que estivo acompañada por Eduardo Agraso, técnico de Cultura, e Xosé Manuel Outeiral, técnico de Voluntariado.

Programa

A XX Festa das Letras incluirá xogos e obradoiros culturais para os máis pequenos de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Ás 12:00 horas, terá lugar “Cores, contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita”, un espectáculo musical e contacontos de Paco Cerdeira “Pakolas” e a ilustradora Laura Romero. Unha divertida proposta multidisciplinar, xa que mentres Pakolas interpretará as cancións coa súa voz e guitarra, Laura Romero realizará debuxos que acompañan as cancións e contos.

Ás 17:00 horas, o grupo local O Son do Pote ofrecerá un concerto de música tradicional que dará paso, ás 19:00 horas, a unha actuación teatral: Malasombra Producións porá en escena “Habeas corpus”. Trátase dunha comedia destinada a un público de todas as idades e deseñado para exhibirse en espazos exteriores. O argumento trata da relación do ser humano coas demais especies animais, para o cal “Malasombra Producións” recrean un xuizo popular público a un lobo acusado do asasinato dun carneiro.

Finalmente, durante toda a xornada haberá dúas exposicións a disposición do público asistente, ambas as dúas elaboradas polo Departamento Cultura do Concello de Lousame. A primeira xirará en torno á figura de Florencio Delgado Gurriarán, persoeiro ao que se lle dedica a edición de 2022 do Día das Letras Galegas, mentres que a segunda exposición xirará en torno á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, persoa para quen o Concello de Lousame vén reivindicando un Día das Letras Galegas.

Inscricións

A participación na XX Festa do Galego é totalmente de balde e libre. Se as actividades poden celebrarse ao aire libre, non haberá restrición de asistencia nunha praza na que poden estar máis de trescentas persoas. En caso de choiva todas as actividades serían trasladadas á Casa da Cultura, onde o aforo do auditorio é de 90 persoas. Nese caso, asistirán ao espectáculo unicamente aquelas noventa persoas que reservaran a súa entrada a través de bandotiket.com, previamente e tamén de balde.