Lousame convoca a 20ª edición do Programa ‘Activa-Mente’

1 minutes read

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca o Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores de 60 anos a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Unha iniciativa que este ano cumpre o vinte aniversario da súa posta en marcha.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo deste programa é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores exercitando a súa memoria para así previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo, ao tempo que se promove a xuntanza destas persoas para recordar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Os obradoiros abrirán as súas portas o próximo mes de outubro e as clases impartiranse todos os martes nos diferentes locais sociais.