Lousame convoca dous obradoiros gratuítos de apoio a mulleres emprendedoras


Terán lugar do 5 ao 26 de outubro na aula de informática da Casa da Cultura e en horario de 9:00 a 13:00 horas. Durante sesenta horas, dez veciñas de Lousame poderán asistir aos talleres de comercio electrónico e marketing dixital, impartidos ao abeiro do programa “Xeración 20=22”.

Poderán participar mulleres de máis de 18 anos, residentes en Lousame e que estean pensando en emprender ou iniciar un proxecto empresarial. O prazo de inscrición está aberto nos Servizos Sociais de Lousame, teléfono 981 820 494.

Estes dous obradoiros forman parte do terceiro e derradeiro seminario previsto no programa de promoción da empregabilidade feminina “Xeración 20=22”, que está a desenvolver o Concello de Lousame e que conta co financiamento da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Igualdade.

Ata o momento, este programa xa formou a outras vinte mulleres de Lousame en introdución á informática e ás novas tecnoloxías, así como en motivación e técnicas para a busca de emprego.