A igrexa parroquial de Camboño (Lousame) acollerá o vindeiro mércores 6 de agosto, ás 20:30 horas, o acto de entrega do nomeamento como fillos adoptivos do Concello de Lousame aos artistas Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga. O acto está aberto á veciñanza de Lousame en xeral e da parroquia de Camboño, en particular, xa que é onde residen ambos os dous artistas. A asistencia é totalmente libre e de balde, ata completar o aforo da igrexa.
Alfonso Costa e José Luís Veiras recibirán as súas distincións de mans da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, en representación da corporación municipal, que o pasado venres aprobou por unanimidade estes nomeamentos “como recoñecemento ás súas longas traxectorias artísticas, ambas avaladas polos premios acadados e a crítica”. O director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, será o encargado de facer a laudatio de ambos os dous artistas, na que recollerá os múltiples méritos e logros que os fan merecedores do nomeamento como fillos adoptivos do Concello de Lousame.
De feito, o escrito de nomeamento recolle que tanto Alfonso Costa, orixinario da Vila de Noia, como José Luís Veiras, nado en Compostela, residen en Camboño dende hai máis de 20 anos onde teñen amosado a súa implicación coa parroquia de Camboño e cos seus veciños, aportando singularidade e deixando constantes mostras da súa xenerosidade e implicación cos proxectos culturais en Lousame e na comarca. Ambos son “creadores polifacéticos con universos únicos e irrepetibles que se comunican a través das diferentes linguaxes e disciplinas das artes plásticas, amosando un estilo persoal e inimitable: pintura, fotografía, poesía, ilustración, gravado, cartelismo, escultura, pintura mural, banda deseñada… Coetáneos, auténticos e innovadores”.
Currículos
ALFONSO COSTA BEIRO
Vive a súa infancia e adolescencia na Vila de Noia, aos dezasete anos trasladase a Barcelona. No ano 1967 realiza a súa primeira exposición. Pronto descubre o seu talento un crítico de prestixio, Cesáreo Rodríguez Aguilera, outro galego trasterrado a Cataluña, que exerce como crítico de arte; dicía de Alfonso que “posúe un debuxo máxico e unha paleta evanescente, dunha elegancia natural realmente única”.
En Barcelona, Alfonso traballa dun modo incansable, a súa mirada curiosa absorbe o fluxo vital que ofrece unha cidade dinámica e multicultural. É seleccionado para unha mostra colectiva de debuxo que leva o nome de Joan Miró. En 1972 concédenlle unha beca da Fundación March para coñecer a obra de Giotto en Florencia, feito que terá unha influencia decisiva no seu futuro estético. Realiza carteis e participa en mostras colectivas internacionais. Fai series de gravados que incrementan o seu prestixio e forma parte de mostras e exposicións que percorren La Habana e Lisboa. En 1984 remata un dos seus grandes proxectos, unha pintura de 2.000 metros cadrados que lle leva tres anos no Instituto Frenopático de Barcelona. Ilustra series de artigos en prensa, asinados polo seu amigo Xavier Costa Clavel, e os poemas de Rodríguez Aguilera.
As súas exposicións percorren toda España. En 1983 obtén unha beca do Ministerio de Cultura. A súa presencia no mundo editorial é constante, con ilustracións para obras de Costa Clavel e Neira Vilas. Novos murais en 1985, nunha recoñecida industria coruñesa e no Instituto Xelmírez de Compostela. Os anos oitenta son de intensa actividade para o artista, que consolida a súa sona no estranxeiro, principalmente en Francia e Alemaña. En 1988 realiza unha gran exposición no Kiosko Alfonso de A Coruña e as súas carpetas de gravados reciben encargos constantemente ao ser moi apreciadas polos coleccionistas. No ano 2001 pinta O Atlante de Baroña sobre a bóveda do auditorio da Casa da Cultura de Porto do Son.
A súa obra figura nos museos Provinciais de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Burgos; Arte Moderno de Barcelona, Palma de Mallorca, Hospitalet, Barcelona, Arte Moderno de Madrid, Zabaleta de Quesada, Jaén, Girona, Ostende, Vigo, Sada e na Fundación March. Tamén está representado en diversas institucións como o Instituto Padre Sarmiento, Universidade de Compostela, Xunta de Galicia, Concello de A Coruña, Generalitat de Barcelona, Deputacións Provinciais de Santander, Girona, Guadalaxara e no Congreso dos Deputados.
A pintura de Costa Beiro e dun expresionismo lírico, a súas figuras danzan e teñen unha imparable dinámica, un prodixioso e rítmico debuxo que deixa translucir emocións e insólitos mundos interiores. Aínda que as doses de abstracción sexan considerables, sabe aproveitar os recursos do cubismo e do surrealismo en composicións medidas. Unha enorme ledicia, un ámbito lúdico preside estas pinturas nas que está o mito, o onirismo, a evocación e a ideación en perspectivas infinitas. Ao seu modo, Alfonso, coma bo galego, é un barroco apaixonado e en definitiva, un gran creador. Actualmente é veciño de Camboño, lugar no que sigue creando e compartindo a súa arte.
Premios e distincións, entre outros:
- “Primeiro Premio, Salón de Outono de Manresa, 1968.”
- “Primeiro Premio de Pintura Tema Deportivo. Olot, 1969.”
- “Primeiro Premio de Debuxo Arte Contemporáneo. Barcelona, 1970.”
- “Primeiro Premio de Debuxo María Blanchart. Santander, 1972.”
- “Bolsa de estudios de Fundación March. Florencia (Italia), 1972.”
- “Premio Internacional de Dibujo Ynglada Guillot. Barcelona, 1973.”
- “Premio Nacional de Debuxo Pancho Cossío. Santander, 1974.”
- “Primeiro Premio de Pintura Fundación Güell. Barcelona, 1974.”
- “Medalla de Bronce, Premio Europa. Ostende (Bélgica), 1978.”
- “Medalla de ORO e y Primeiro Premio Pintura Zabaleta. Quesada (Jaén), 1981.”
- “Bolsa do Ministerio de Cultura. Madrid. 1982.”
- “Premio Especial Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes. Madrid, 1982.”
- “Primeiro Premio de Murales LEYMA. A Coruña, 1985.”
- “Primeiro Premio de Debuxo IX Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes. Barcelona, 1986.”
- “Primeiro Premio de Debuxo Pérez Villamil. Ferrol, 1987.”
- “Primeiro Premio de Pintura FOCSA. Barcelona, 1992.”
- “Primeiro Premio de Pintura “Mestre Mateo”. Córdoba, 1999.”
JOSÉ LUÍS VEIRAS MANTEIGA
Nado no ano 1949 en Compostela, pasa parte da súa infancia en Mesía e As Pontes e no ano 1955 o novo destino laboral do seu pai leva á familia a residir a en Noia. José Luís xa cultiva a súa afección polo debuxo no Instituto Laboral de Noia e continua a formación de bacharel en Santoña (Santander) onde a rematará no ano 1967. Nos anos seguintes compatibiliza estudos e varios traballos en Lugo e iníciase de xeito autodidacta como pintor de óleos; o debuxo a expresión poética e a pintura xa son dende entón marcas de identidade que permanecerán con él o resto da súa vida.
No ano 1972 fai o servizo militar en Cartaxena e Ferrol, rematado este período regresa a Lugo onde traballa na hostalaría e faise asiduo da tertulia cultural do Café Madrid na que, entre outros, participaban Celestino Fernández de la Vega, Arcadio López Casanova e Constantino Pallín e traba relación con outros insignes escritores e músicos do momento (Ánxel Fole, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Xei Noguerol, Antón Campelo…).
A partir do ano 1974 o seu proxecto vital levao a Francia xunto coa súa parella Christine, coa que casa no ano 1975, terán dous fillos e naquela altura o creador decide dedicarse definitivamente á pintura. A partir dese momento o traballo de artista pictórico é incansable. No 2001 retorna definitivamente a Galicia, vivindo a día de hoxe na parroquia de Camboño, concello de Lousame.
Veiras Manteiga é un artista universal que desenvolveu a súa andaina vital e pictórica entre dous mundos: Galicia e Francia; que expuxo en Rennes, Nantes, St. Pierre La Cour, Chateau Gontier, Laval, Ernée, St. Barthelemy D’Anjou, Avrillé, Augsbourg, Loiron, París, Segovia, Mettmann, Compostela, Paczkow, Mayenne, Madrid, Caen, Lemans, Opole, Nysia, Gundremmingen, Aichach, Deventer…
Membro fundador do colectivo ART-VIF xunto con outros artistas como Jean Chevalier, Yves Grudé e Michel Maurice, que máis tarde amplíase e da lugar a AAA53, grupo do que segue a formar parte e no que participou con máis de sesenta exposicións colectivas a nivel internacional.
A súas ilustracións acompañarán ás obras de moitos autores galegos: Manuel Fabeiro, Xosé Agrelo Hermo, Avilés de Taramancos, Pilar Sampedro, Maxi Olariaga… Dentro da súa faceta como ilustrador podemos reseñar algúns títulos moi recoñecidos como: Galicia en cómic-Noia Porto de Compostela, Folgar de Brigantia-A morte de Ith, English for infants, Espagnol Sistema Básico, Os touros de Noia, Os días con Lara, Fuxidos…, e tamén para revistas como L’Oribus, Casa da Gramática e Alameda do Liceo de Noia.
Pintor, tradutor, xornalista, ilustrador, poeta, presentador de TV e radio, muralista… De Lousame a París, da pintura á litografía, da ilustración á poesía, da figuración á abstracción. Os mundos e as artes de Veiras son complementarios ao longo da súa traxectoria artística. Falamos dun artista que ten unha marcada proxección europea, con múltiples actividades de artista e creador: óleo e acrílico, augadas e tintas, cerámica e gravado, mural e banda deseñada, debuxo e caricatura; e tamén poeta, xa que no ano 2010 editará o poemario Fisterras.
Premio e distincións, entre outros:
- “Concurso de carteis. Noia, 1984.”
- “Grand Prix Salon de Chateau Gontier (Francia), 1986.”
- “Finalista Concurso Decoration Gare. Laval (Francia), 1986.”
- “Finalista Concurso Une affiche pour Ste. Suzanne (Francia), 1986.”
- “Grand Prix de la Ville Salon d’Ernée (Francia), 1987.”
- “Prix du Lion’s Club, Salon de Vitré (Francia), 1988.”
- “Prix du Lion’s Club, Salon de Sablé sur Sarthe (Francia), 1988.”
- “Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza, 2023”