O Concello de Lousame ven de conceder, con carácter póstumo, o título de fillo predilecto a Don Ramón Queiro Filgueira. A decisión foi aprobada pola corporación municipal no pleno celebrado en abril deste ano.
A Casa da Cultura encheu o seu aforo co motivo da homenaxe ao arquitecto de Lousame. No mesmo participaron a alcaldesa, Teresa Villaverde e a familia de Queiro Filgueira. Tamén estiveron os membros da corporación municipal e veciños de Meixonfrío (aldea natal de Queiro Filgueira) e Merelle.
Esta conmemoración ía facerse fai dous anos, pero pola pandemia, non puido celebrarse. Así, o explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde: “Houbérame gustado facelo cando este “neno da aldea” vivía, pero lamentablemente a pandemia atrasou as cousas”. No seu discurso, a rexedora, visiblemente emocionada, definiu a Ramón Queiro Filgueira como “un home bo, familiar e afable, que sempre tivo presente o seu Lousame e que todo o gañou por méritos propios”. Neste eido, o arquitecto “siempre que podía, en conversaciones públicas y privadas, sacaba a Galicia y a su Lousame” explicou o seu fillo Ramón Queiro, quen engadiu “en este acto hemos sentido la presencia de mi padre en todas las esquinas”. Tamén presente estivo a viúva de Queiro Filgueira, María del Carmen Quijada, quen recibiu unha placa conmemorativa, un pergamiño e un ramo de flores das mans da alcadesa.
O nomeamento como fillo predilecto a Ramón Queiro Filgueira finalizou con música a cargo de Fernando Troján. O músico tocou ao piano unha versión da Rianxeira, canción que lle gustaba moito ao homenaxeado. Por último, na Casa da Cultura soou o Himno de Galicia.