Lousame pide que se arranxen os contínuos cortes de subministro eléctrico na vila


A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, vén de enviarlle un escrito á Xefatura Territorial de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de A Coruña na que pon no seu coñecemento a situación “totalmente anacrónica do subministro eléctrico en Lousame, o que causa graves prexuízos á veciñanza e á Administración”.

Villaverde Pais sinala que “dende hai varios meses hai cortes intermitentes de subministro eléctrico que causan danos nos electrodomésticos e impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas. Este xoves mesmo houbo dous apagóns que duraron bastante tempo nalgunhas aldeas (Chave, Ces, Portobravo…) e que impediron que a xente fixera as súas tarefas, ademais de estropear os electrodomésticos e a comida”.

A alcaldesa considera que se trata dunha situación que “non se corresponde co mundo no que vivimos. Estamos no rural pero temos os mesmos dereitos que se fose na cidade”. Por iso, acompañou o seu escrito diante da Xunta dun documento presentado por veciños e veciñas do municipio, con sinaturas para protestar polos cortes de subministro de onte.

Arranxos

Teresa Villaverde explica que xa deu traslado da situación á empresa en varias ocasións: “responden que xa están facendo arranxos, pero non é xustificable que este tipo de incidencias se produzan todo o ano. Non sei cal será o problema pero teñen que arranxalo porque aquí todos pagamos as facturas e temos dereito a recibir un servizo en condicións dignas”.

Para protexerse destes cortes de subministro, o Concello de Lousame ten adquirido sistemas de alimentación ininterrumpida (SAI). “Levamos queimados 3 ou 4 SAI durante o último ano”, sinala Villaverde Pais, que sinala tamén que “colocamos hai pouco un caixeiro na Casa do Concello e xa se están planteando retiralo porque teñen que estar constantemente arranxándoo”, concluíu.