Lousame pon en marcha a campaña “Eu digo NON á violencia de xénero”

1 minutes read

O Concello de Lousame pon en marcha a campaña de sensibilización “Eu digo NON á violencia de xénero”, organizada pola Concellería de Igualdade dentro da programación especial co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Unha actividade que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e do Ministerio de Igualdade.

Dende este luns 14 e ata o vindeiro 27 de novembro, os veciños e veciñas de Lousame terán a súa disposición os materiais da campaña “Eu digo NON á violencia de xénero” na fachada da casa do concello, cos que deberán facerse unha fotografía, individual ou de grupo, para poñer de manifesto o seu rexeitamento á violencia sobre as mulleres. Unha imaxe que deberán compartir nas súas Redes Sociais etiquetando ao Concello de Lousame no seu Facebook (/concello.delousame), Instagram (/somoslousame) ou Twitter (@SomosLousame). Aquelas persoas que non dispoñan de Redes Sociais, poden enviar as súas imaxes por WhatsApp ao 689 126 385 (que serán compartidas no Facebook do Concello).

Ao finalizar a campaña, o Concello de Lousame sorteará 6 vales de 50 euros cada un en material deportivo entre todas as persoas que participaran na campaña etiquetando ou enviando as súas fotografías. O prazo para enviar ou etiquetar fotos remata o 27 de novembro. Na semana do 28 de novembro farase público o listado de persoas participantes, dispoñendo de 24 horas para comunicar calquera incidencia antes do sorteo.

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, fai un chamamento á participación xa que “se trata dunha actividade dirixida non só a sensibilizar á xente sobre a importancia de previr a violencia de xénero, senón tamén de amosar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres e o noso total apoio ás vítimas”.