Lousame solicita unha subvención á Deputación para a mellora dun viario en Croído


O pleno municipal de Lousame, reunido en sesión extraordinaria e urxente, aprobou a solicitude dunha subvención nominativa de 70.000 euros á Deputación da Coruña para o proxecto “Mellora do viario en Croído”. Un proxecto de inversión de 99.435,63 euros (IVE Incluído) no que o Concello de Lousame achegaría os 29.435,63 euros restantes.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata “mellorar a seguridade viaria do camiño, reparar o pavimento do mesmo e dar continuidade á rede de servizos públicos na zona: auga, alumeado…”. A proposta foi aprobada sen debate cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do BNG.

Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade destinar os 154.438 euros do POS+ Adiciona 2/2022 a gasto corrente “e paliar as subidas da luz e dos carburantes, porque as facturas estanse practicamente duplicando”, apunta Villaverde Pais. Neste sentido, especificou que facturas de entre 10.000 e 13.000 euros por consumo eléctrico levan xa varios meses nos 25.000 euros. “É unha barbaridade”, lamentou a alcaldesa. A proposta foi aprobada polos tres grupos municipais sen debate.