Luar na Lubre actuará no Dolmen de Dombate dentro da programación cultural de agosto

Luar na Lubre

  • O calendario de actividades estivais contará tamén cunha xornada de observación de estrelas polos montes de Borneiro a cargo do catedrático Jorge Mira

O departamento de Cultura do Concello de Cabana, tras a boa acollida das actividades realizadas no mes de xullo, volve apostar por un novo mes cargado de espectáculos e boa música, destacando o día 20 de agosto o concerto de Luar na Lubre no Dolmen de Dombate.

Venres 6. Este día dará comezo o ciclo de actividades cunha nova proxección de cine de verán, neste caso do filme ‘Volando’. A sesión comezará ás 22:15 horas na pista deportiva de Anos. O aforo estará limitado e cubriranse as prazas por orde de chegada.

Este mesmo venres, ademais do 13, continuarán as visitas guiadas nocturnas ao Dolmen de Dombate que se iniciaran no mes de xullo. Realizaranse en horario de 23:00 a 24:00 horas, con aforo máximo e con inscrición previa chamando ao departamento de Cutlura no 981 754 020.

Domingo 8. Alfonso Franco e Gabriela García ofrecerán unha masterclass baixo o nome ‘O violín na música popular’ a partir das 12 da mañá no Dolmen de Dombate. Neste caso, será necesario inscribirse previamente no mesmo número.

Xoves 12. O catedrático da USC Jorge Mira será o encargado de amosar a ‘Ruta das estrelas’ nos montes de Borneiro. A expedición, cuxos asistentes deberán reservar praza previamente por vía telefónica, partirá do Dolmen ás 22:00 horas.

Sábado 14. Desastronauts tomará a Praza do Pendón co seu espectáculo ‘Máis alto aínda’. Esta función de acrobacias destinada a todos os públicos iniciarase a partir das 20:00 horas.

Venres 20. Luar na Lubre ofrecerá un concerto no Dolmen de Dombate a partir das 21:30 horas. Nos vindeiros días darase máis información sobre a reserva de entradas.

Venres 27. Unha semana máis tarde a música volverá soar no centro arqueolóxico, esta vez co trío de Claudia Abril, violín e arpa céltica. Será a partir das 22:30 horas e contará tamén con aforo limitado.

Citas teatralizadas. Outra das actividades que proseguirán en agosto serán as citas teatralizadas dos Quinquilláns no centro arqueolóxico. O seu espectáculo ‘No tempo das pedras’ celebrarase o 7, o 14, o 21 e o 28 de agosto ás 18:00 e ás 19:30 horas.

28 de agosto. Peter Punk desprazarase ata a Praza do Lodeiro en Canduas convertido no doctor Punkdemia para pechar o verán cultural de Cabana. Será ás 19:30 horas.