Luar Na Lubre estreará esta semana os singles Benvido e Mártiros e o vákner, un dobre adianto do seu novo traballo discográfico. Os temas, que se publicarán o venres 27 de marzo, son os primeiros cortes que se avanzan do 19º disco da banda, Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. O factor humano da vía xacobea é o fío que tece un relato plural que abrangue diversas épocas, voces e contextos. O primeiro dos singles, Benvido, é un canto de benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do Camiño; mentres que o segundo, Mártiros e o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha besta maligna á que nomeou vákner.
45