Lucía Díaz Platas, primeira carballesa en presidir a Sociedade Española de Radiofarmacia

7 minutes read
  • Nunha entrevista concedida a nhdiario, Díaz destaca que é preciso investir máis en ciencia e deixar a un lado os titulares tendenciosos sobre noticias relacionadas coa Covid-19

Lucía Díaz Platas (Carballo, 1987) preside actualmente a Sociedade Española de Radiofarmacia – SERFA, unha especialidade sanitaria que estuda os aspectos farmacéuticos, químicos ou biolóxicos dos radiofármacos, é dicir, aqueles necesarios para a diagnose e tratamento de enfermidades nos Servizos de Medicina Nuclear.

Se ben a palabra “radiofarmacia” resulta moi descoñecida para a xente en xeral, para Díaz isto é algo positivo xa que “quere dicir que tiveron a sorte de non ter ningún achegado cun problema importante que precisase deste servizo”.

Obxectivos como presidenta da SERFA: visibilizar a especialidade

No cargo desde decembro do 2020, e tras cumprir dous anos como vicepresidenta, a facultativa carballesa ten moi claros os seus obxectivos.

A curto prazo, ao tratarse dunha sociedade científica, priorizará a organización de xornadas de Formación e Congresos. “Ao atoparnos cos problemas de reunións sociais e mobilidade derivados da pandemia tivemos que adaptarnos e convertir os congresos e asambleas presenciais en telemáticas” destaca Díaz Platas, unha situación que ademais dificulta as relacións sociais entre compañeiros.

A longo prazo, desde a SERFA buscarán darlle máis visibilidade á especialidade e intentarán “facilitar os trámites de desenvolvemento de novos radiofármacos coas autoridades sanitarias correspondentes”.

Licenciada en Farmacia, pero coa mirada posta na investigación

O primeiro que adoita pensar unha persoa cando se atopa fronte a un/unha estudante de Farmacia é que aplicará para un traballo nun establecemento farmacéutico. Pero non, hai moitas máis opcións.

“Cando me matriculei en Farmacia sabía que o facía para presentarme ao FIR (Farmacéutico Interino Residente), aínda que non tiña clara a especialidade pola que me decantaría”, destaca a carballesa. Finalmente optou pola Radiofarmacia mentres cursaba terceiro de carreira e na actualidade adícase á labor asistencial “producindo radiofármacos PET para os Servizos de Medicina Nuclear do Sergas”.

A tecnoloxía PET (siglas inglesas de Tomografía por Emisión de Positróns) é un sistema avanzado de diagnóstico, moi usado na oncoloxía, que require administrarlle ao paciente un radiofármaco. Grazas a isto obtéñense imaxes do comportamento e metabolismo dos tecidos e órganos, chegando a detectar patoloxías cando aínda non hai síntomas físicos observables por outros métodos.

Lucía Díaz destaca a “sorte” que tivo por poder realizar a tese doutoral nun grupo “moi punteiro” de investigación en Farmacoloxía Pulmonar na Fundación de Investigación do Hospital Xeral Universitario de Valencia. “Alí aprendín moito, desde valorar os efectos dun fármaco a nivel in vitro ata o desenvolvemento de modelos animais” explicou para nhdiario.

En canto ó seu labor como investigadora, Díaz fai fincapé en que “no meu caso a terriña tirou máis pero é unha opción que non descarto de todo” a pesar do difícil que é investigar en España, pois “moitos dos meus compañeiros que quixeron medrar e seguir desenvolvendo a súa carreira investigadora decidiron facer as maletas e marchar ao estranxeiro”.

A ciencia en España, un tema pendente

A “fuga de cerebros” en España non é nada novo. Un estudo do Bruselas CEPS determinou nun informe titulado EU Mobile Workers, sobre as migracións de traballadores dentro de Europa, que Italia e España encabezaban a lista dos países nos que os seus traballadores facían as maletas para buscar máis oportunidades laborais fóra.

E se a todo isto lle sumamos que en España a ciencia segue a ser un tema pendente tanto a nivel inversión como a nivel educativo, as contas falan por si mesmas.

Segundo o informe TIMSS (Estudo das Tendencias en Matemáticas e Ciencias, nas súas siglas en inglés), que mide as competencias dos alumnos de 4º de Primaria en 64 países, España segue por detrás da media dos países da Unión Europea en Ciencias e Matemáticas. Os alumnos españois alcanzaron unha puntuación de 511 na primeira e de 502 na segunda, cando no resto dos países europeos a media en Ciencias é de 514 e en Matemáticas de 513.

Quizais seguimos aprendendo dun xeito inadecuado, e quizais nos seguen ensinando as ciencias dunha forma demasiado “exacta”. O que si que quedou patente desde o inicio da pandemia no noso país é que a sobreinformación estivo á orde do día, sobre todo nas redes sociais, plataformas ás que case todo o mundo ten acceso e ás que ademais se lles dá moita credibilidade, dando igual se fala un experto na materia ou o veciño de enfrente sen ningún tipo de formación ao respecto.

A sobreinformación en tempos de pandemia

“É sorprendente ver a xente que non distingue un virus dunha bacteria insultando a expertos e microbiólogos dicindo “borrego, infórmate””, puntualiza Díaz Platas.

Considerando a educación como “algo fundamental, non só a nivel científico senón de comprensión lectora e pensamento crítico”, a carballesa fai fincapé en que moitas persoas só se quedan “co titular” da noticia que “normalmente é máis amarillista para chamar a atención do lector”.

Isto, unido á escasa formación da poboación a nivel científico, dá lugar a opinións sen fundamento e baseadas en sospeitas. “Vemos un titular no que se destaca que “unha persona morre 48 horas despois de vacinarse” e xa nos imos quedar coa idea de que foi pola vacina, nin abrimos a noticia na que se aclara que a morte puido ser causada por un accidente de tráfico”, insiste Díaz.

A divulgación científica nas redes sociais

Ultimamente os divulgadores científicos estanse facendo un oco importante en diversas plataformas e redes sociais, aportando datos científicos e de rigor apoiándose en ilustracións e nunha linguaxe máis coloquial, intentando así achegar a ciencia á xente da rúa.

Este tipo de información ten unha valoración positiva para Lucía Díaz porque “parece que cando algo se escapa ao noso entendemento apostamos por teorías conspiranoicas”, algo que segue pasando, por exemplo, coas novas vacinas para facerlle fronte ao Covid-19.

As vacinas fronte ao coronavirus

Se ben na actualidade Lucía Díaz non se dedica á investigación ao atoparse na Unidade de Radiofármacos PET de Galicia no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, coñece a varios científicos e expertos que se atopan en grupos de investigación intentando atopar un medicamento efectivo e eficaz contra a Covid-19.

“A radiofarmacia é unha área moi especilizada en diagnose e tratamento sobre todo de enfermidades oncolóxicas, polo que no desenvolvemento destas vacina non tivo moito que ver”, destaca a nosa protagonista, pero “sen embargo no campo da inmunoloxía ás veces recúrrese á radiofarmacia para marcar anticorpos e poder seguilos no organismo no que se inxectan para ver a súa distribución”.

Todo esta relacionado e calquera traballo ou aportación é necesaria para intentar paliar os devastadores efectos que está producindo a actual pandemia e, sobre todo, é preciso destacar que as vacinas de Moderna ou Pfizer son seguras.

Medo a vacinarse: desconfianza por medo ou mala educación en ciencias?

“Que unha persona pense que unha vacina tarda moito tempo en desenvolverse e que no caso do SARS-COV-2 se autorizasen tan rápido quere dicir que polo menos sabe algo do tema” sentenza Lucía Díaz, quen ademais fai fincapé en que nesta pandemia se deron “un cúmulo de circunstancias”.

Díaz sinala, por unha banda, a unión de grandes científicos a nivel mundial que “traballaron coma se se tratase dun único grupo de investigación”. Que os propios científicos chinos compartiran a primeira secuenciación xenética do virus “non é algo habitual porque normalmente na industria farmacéutica existe competencia, e o que primero saque o fármaco “X” ao mercado é o que se leva a patente por 10 anos”, algo “lóxico” porque invisten moitísimo na investigación de novas moléculas a pesar de que “moitas quedan polo camiño”.

Por outro lado, Díaz destaca a inversión económica de case todos os países, quedando demostrado que “se se inverte en ciencia hai resultados”, algo que non casa coa tendencia dos últimos anos de “recortes tras recortes no noso país”.

Preguntada sobre a seguridade das vacinas, a carballesa sinalou que as axencias reguladoras adoitan ter uns prazos para a revisión da documentación e a autorización de ensaios clínicos que “neste caso abriron a porta á revisión simultánea para acelerar o proceso, pero realizando exactamente tódolos pasos para garantizar a seguridade e a eficacia que se faría coa autorización dun novo medicamento nas condicións habituais”.

Ademais hai outro tema que ten que quedarnos claro, e é que as farmacéuticas empezaron a producir a gran escala as vacinas antes de estar autorizadas “a sabendas de que se non pasaban os ensaios terían pérdidas económicas incalculables, o que acelerou o suministro unha vez autorizadas”.

Lucía Díaz entende que “haxa xente reticente a vacinarse”, se ben o que non lle ten sentido son outro “tipo de negacionistas”.

Explica para nhdiario que “a Internet é unha gran fonte de información pero tamén de desinformación”, e aquí a educación ten un “papel importantísimo” a nivel científico e de pensamento crítico. “É preciso saber distinguir o que se le nunha fonte oficial ou nun artigo dunha revista científica de prestixio dunha mentira ou noticia falsa (fake new)”, sentenza.