- A actividade, consolídase entre as citas anuais de promoción dos valores deportivos entre a infancia
A 4ª edición do Festival Ludijudo, organizado polo Concello de Carballo, a través de Carballo Deporte, coa colaboración do Judo Club Bergantiños, celebrarase no pavillón Vila de Noia durante toda a mañá do domingo. O programa divídese en catro estacións, que se corresponden con judo pé, judo chan, circuíto de inchables deseñados especificamente para a xornada pola empresa carballesa Maraxiña Xestión de Ocio e manualidades de todo tipo relacionadas tamén co deporte, dende cores ata escritura en xaponés.
O presidente do Judo Club Bergantiños, David Pérez, destaca que o judo “é un deporte que se adapta a todas as idades, dende os más pequenos ata os máis maiores, un deporte que mestura o saber estar, o respecto entre as persoas a preparación física e a defensa persoal”.
No Ludijudo participarán nenos e nenas de toda a comarca de Bergantiños, así coma de Santa Comba, Cee, Fisterra e A Coruña, e ademais están convidadas as escolas municipais de Muxía e Camariñas e os clubs Arteixo, Axiña, Ferrolterra, Karbo e Xogos da Amizade.
Como en edicións anteriores, o Ludijudo colaborará coa Cruz Vermella para recoller alimentos non perecedoiros, destinados a familias con poucos recursos.